Wednesday 01 de May de 2024

O pleno acorda de xeito unánime nomear a Anxo Adolfo Rei Ballesteros Fillo Predilecto de Boqueixón a título póstumo


 

Luz verde á adhesión á iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

O Concello de Boqueixón celebrou hoxe o último pleno do mandato. Unha sesión na que se incorporou a nova secretaria municipal, Eva Casal.

Os concelleiros e concelleiras apoiaron de xeito unánime o nomeamento de Anxo Adolfo Rei Ballesteros como Fillo Predilecto do Concello de Boqueixón a título póstumo, “como unha forma de premiar un perfil humano que reúne un talento extraordinario cunha humildade fóra do común”, detalla a proposta de acordo subscrita pola Corporación municipal.

Nado na parroquia de Codeso o 24 de xaneiro de 1952, Anxo Adolfo Rei Ballesteros foi considerado un artista da palabra e un dos fitos de referencia da nova xeración de narradores que comeza a expresarse entre os anos 1975 e 1980. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa andaina literaria con tan só 25 anos coa obra Dos anxos e dos mortos (1977), situándose como a obra de nacemento da novela galega postfranquista. A súa segunda publicación, Loaira viu a luz no 1992, e coa que acadou o Premio Antón Losada Diéguez ao ano seguinte.

A súa produción novelística completouse no 2005 con Non sei cando nos veremos. Unha publicación que, segundo o crítico Xoán González Millán, “reflicte á perfección a súa maneira de entender a vida: unha maneira radical no sentido de ir á raíz, de non asustarse de nada”.

A título póstumo publicáronse dúas novelas: A noite do moucho, no ano 2009, e Dezanove badaladas, que saíu ao público no outono de 2018.

Porén, Anxo Adolfo Rei Ballesteros tamén abarcou outros xéneros literarios como o teatro, coa peza Xogos de damas e cunha versión inédita de A voz humana de Cocteau. Tamén creou os seis relatos de A sombra dos teus soños (1988) e varios ensaios, entre os que cómpre salientar Tempo e vinganza (2003). Ademais, realizou traducións como a de Molloy, de Samuel Beckett (2006).

Polo tanto, acordouse outorgar o título de Fillo Predilecto do Concello de Boqueixón a unha figura tan salientable da literatura. Un fito que supón toda unha honra para o municipio que o viu nacer.

Pacto dos Alcaldes para o Clima e Enerxía

Na última sesión plenaria do mandato deuse tamén luz verde á adhesión á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes para o Clima e Enerxía (PACES). Entre as obrigas de dito acordo atópase o compromiso de ir máis alá dos obxectivos adoptados para o ano 2020 pola Unión Europea para reducir as emisións de CO2 a través de medidas de eficiencia enerxética, de accións relacionadas coa promoción das enerxías renovables e da mobilidade urbana sostible. Todas estas medidas buscan loitar contra os efectos do cambio climático.

Así, o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía prevé o desenvolvemento, nun prazo máximo de dous anos das seguintes accións:

• Un inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación.
• Unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.

O pertinente informe de seguimento sobre estas cuestións deberase presentar seguindo as directrices do PACES.